xoves, 4 de febreiro de 2016

Móvete propón modificacións aos orzamentos do goberno local para o ano 2016

Móvete propón modificacións aos orzamentos do Partido Popular  na Comisión de Facenda, para que sexan a aposta decidida por un concello máis verde, transparente, social e ao tempo xeradores de emprego de calidade, que A Estrada precisa.

  • Incrementar a partida reservada a servizos sociais ata asegurar que todxs xs veciñxs teñen acceso aos recursos básicos —vivenda, subministros de auga e electricidade—, e ao mínimo preciso para a subsistencia en condicións dignas.
  • Creación dun Plan Municipal de Emprego de calidade, onde se concreten accións encamiñadas á posta en valor dos nosos sectores produtivos como xeradores de emprego, e investimentos en proxectos sostibles e respectuosos co entorno.
  • Portal da transparencia e a participación cidadá.
  • Reducir o gasto do Concello en consultoras e traballos realizados por outras empresas.
 A portavoz do Grupo Municipal de Móvete, Mar Blanco Casais, cualifica estes orzamentos de continuistas respecto aos do ano anterior , e polo tanto, seguen sen ofrecer solucións aos grandes problemas que teñen xs veciñxs e o noso Concello.

Estes orzamentos continuan sen garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas en situación de exclusión ou pobreza:

-Actualmente hai 240 familias que teñen que recurrir a Cáritas en busca de alimentos e axuda para facer fronte ao pago de recibos, principalmente de luz e aluguer. As partidas reservadas nesta proposta orzamentaria, son claramente insuficientes para atender a demanda actual

- O concello destina 20.000 € para o banco de alimentos; 20.000 € ao fondo de emerxencias e 30.000 € para a reforma das casa-escolas para vivenda social.

Estas cuantías amosan que a prioridade deste Goberno, non é eliminar ou  diminuír o risco de que as persoas en situación de desemprego vivan na pobreza e sexan vítimas da exclusión social.

Non é ético que a partida reservada para “Prensa, revistas, libros e outras publicacións” (19.884,00 €)  iguale na práctica  á reservada para o Banco de Alimentos Municipal, e se vexa amplamente superada polos 51.493€ reservados para a partida de “Publicidade e propaganda”.

Neste ámbito a proposta de Móvete pasa por incrementar a partida reservada aos servizos sociais, ata asegurar que tódalxs veciñxs teñan acceso aos recursos básicos —vivenda, subministros de auga e electricidade— e a un mínimo de subsistencia en condicións dignas.
 Consideramos que hai orzamento suficiente para atender esta demanda, por exemplo equilibrando a partida orzamentaria destinada para “Estudos e traballos técnicos” 1.591.303,00€  -obviamente excesiva e moi reveladora das prioridades do Goberno Municipal se a comparamos  co montante adicado a gasto social para familias con escasos recursos-.
Para Móvete, o piar fundamental que debera conter este documento na súa parte de gastos (a maiores de recoller todos os gastos correntes da administración local) é precisamente o gasto social.
Móvete bota en falta o que consideramos o outro piar fundamental, que é a creación dun Plan Municipal de Emprego de calidade, onde se concreten accións encamiñadas á posta en valor dos nosos sectores produtivos, como xeradores de emprego e investimentos en proxectos sostibles e respetuosos co noso entorno.
Consideramos que a partida que o Concello reserva para o que define como, “Subvencións fomento do emprego e promoción económica”, orzamentada con 22.000 € non é suficiente para fomentar a creación de emprego. E, sen embargo, hai outras partidas orzamentarias cualificadas como “Gastos Diversos”, orzamentadas con 450.000 €, os cales se poderían distribuir eficientemente para levar a cabo esta proposta de “Plan Municipal de Emprego” que propoñemos dende Móvete.

Outra proposta básica presentada pola portavoz do Grupo de Móvete, é a concreción dos medios precisos para crear un portal da transparencia e da participación cidadá.

Móvete tamén considera necesario reducir os gastos do Concello pagados por traballos realizados por outras empresas. Neste caso temos, por exemplo, os 450.000€ que recibe Sogama polo tratamento de residuos, cando deberíamos camiñar cara a reciclaxe de residuos orgánicos (tanto polo aforro económico, coma polo impacto medioambiental positivo).

Outro exemplo de reducir os gastos municipais á vez que se promove utilizar a fontes de enerxía máis eficientes e respectuosas co noso entorno, é sustituindo o alumeado público por bombillas LED.



A Estrada, 03 de febreiro de 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario