xoves, 18 de febreiro de 2016

Móvete presenta no Concello da Estrada unha Moción na defensa da nosa lingua

Móvete  presenta no Concello da Estrada unha Moción na defensa da nosa lingua, o Galego. A moción pide que se cumpran as recomendacións do Consello de Europa, e  solicita a redacción dun novo decreto para o uso do galego, que conte co apoio social e político máis amplo posible. Móvete busca no Concello da Estraba a unidade de tódalas forzas políticas estradenses.
Móvete presenta na Estrada a moción que este luns daba a coñecer a Mesa pola Normalización Lingüística, e que a nivel galego conta co apoio de case todas as formacións políticas  con representación municipal e parlamentar –todas agás o PP-.
Este luns a Mesa pola Normalización Lingüística dou a coñecer a Moción coa intención de que as diferentes organizacións políticas a presentaran nos diferentes Concellos de Galicia.  Naqueles sitios onde sexan respaldadas, as mesmas serán logo enviadas ao Consello de Europa. Na Estrada Móvete vén de rexistrala no día de hoxe.
Esta moción é unha resposta ao conformismo e inacción do Goberno galego ante as recomendacións e as conclusións do último informe do Consello de Europa. Nel, a institución advirte que o decreto do plurilingüismo reduce a presenza da lingua propia e entra en contradición coa Carta Europea das Linguas, ademáis de pedir encarecidamente fomentar o idioma na escola e modificacións legais que permitan o seu uso na xustiza e na administración. A moción reclama que a Xunta faga efectivas as recomendacións do Comité de Expertos e do Comité de Ministros do Consello de Europa, que insta a cumprir acordos internacionais como a Carta Europea das Linguas asinada polo Estado e que o faga "elaborando un novo decreto para o uso do galego, que conte con amplo apoio social e político. Namentres demanda que derogue aqueles artigos do decreto 79/2010 que limitan o uso do galego".
Esta moción, iniciativa da Mesa, e presentada por Móvete no Concello da Estraba, busca tamén a unidade de tódalas forzas políticas estradenses para visibilizar que estamos unidas procurando que o noso goberno cumpra cos compromisos colectivos e internacionais sobre a lingua” e que “garanta plenamente a posibilidade que debe ter calquera falante de desenvolver a totalidade da súa vida na propia lingua”.


A Estrada, 18 de febreiro de 2015

A nova na prensa local: Faro de Vigo 

Ningún comentario:

Publicar un comentario