xoves, 28 de xaneiro de 2016

Móvete pide explicacións sobre a adxudicación de obras no concello

Móvete solicita a convocatoria da Comisión Informativa de Urbanismo dun xeito inmediato, coa finalidade de acadar unha maior transparencia na adxudicación e certificación de obras, e para coñecer os detalles das Certificacións de obras aprobadas na xunta de Goberno local, celebrada o pasado 30 de decembro con carácter extraordinario e urxente.

Pedimos explicacións ao Goberno Municipal sobre a relación de certificacións de obras aprobadas na xunta de goberno local do pasado 30 de decembro, en particular sobre a certificación da obra “Construcción de vestiarios no Campo de Fútbol de Callobre”, e sobre a adxudicación da obra “Obras no SX-D-1 (Estadio Municipal) A Baiuca”, que tivo lugar na xunta de Goberno Local celebrada o pasado 11 de xaneiro.
Vista a acta da xunta do Goberno local e consultado o expediente da obra “Construcción de vestiarios non campo de fútbol de Callobre”, a portavoz do Grupo Municipal de Móvete, Mar Blanco Casais, esixe coñecer os argumentos do grupo de goberno para aprobar un proxecto técnico elaborado polo propio Concello, no que se orzamenta esta obra en máis de 170.000€.
Dende Móvete consideramos que non queda o suficientemente claro a xustificación de tal inversión na obra feita por Bamarti. Se ben é unha obra importante e necesaria para o normal desenvolvemento das actividades deportivas do fútbol club Callobre, sen embargo semella contar cun orzamento excesivo para unha obra de ese tipo, e  por tanto, en aras dunha maior transparencia, solicitamos a convocatoria da comisión informativa de urbanismo.
Móvete esixirá tamén na mesma comisión, unha explicación sobre a viabilidade da obra “Obras no SX-D-1 (Estadio Municipal) A Baiuca. Na xunta de goberno local celebrada o pasado 11 de xaneiro, o goberno adxudicou o contrato da obra por importe de 404.297.30€ a Construcciones y Proyectos Abilleira S.L. Segundo o expediente, esta empresa cumpre coas melloras previstas nos Pregos, executando dita obra en 29 días. Consideramos que é importante coñecer como se van realizar as obras para que nese período de tempo se poida levar a cabo con éxito a urbanización de dita zona.


A Estrada, 27 de xaneiro de 2015

A nova  na prensa local: Faro de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario