domingo, 24 de xaneiro de 2016

Móvete emprende unha campaña a favor da compostaxe

Móvete –movemento veciñal estradense- lamenta as declaracións do alcalde da Estrada nas que manifesta a súa oposición á “reciclaxe de residuos orgánicos” e nas que amosa unha fonda ignorancia do tema ao calificala de “voltar á época das corredoiras”.
Móvete queremos anunciar que emprenderemos no noso concello unha campaña de información á cidadanía para explicar os beneficios de reciclar e deste xeito adquirir o compromiso de participación dos veciños.
As declaracións feitas por José López demostran unha total ignorancia sobre a reciclaxe de residuos orgánicos, tanto dende o punto de vista do impacto medioambiental e económico, como dende o punto de vista legal. A compostaxe é un proceso de transformación da materia orgánica para obter compost, un abono natural. Esta transformación lévase a cabo en calquera casa ou zona comunitaria mediante un compostador, sen ningún tipo de mecanismo, motor ni gasto de mantemento.
As principais razóns polas que dende Móvete defendemos a importancia de apostar pola reciclaxe de residuos orgánicos, e que o alcalde da Estrada descoñece, son as seguintes:
  • Razóns ambientais: contribuiremos a reducir a contaminación.
    • Aforro de recursos ao transformar a materia orgánica en compost.
    • Mellora da calidade do solo grazas a este compost seguro e de calidade.
    • A reducción dos biorresiduos en depósitos controlados e plantas.
    • Disminución da emisión de gases implicados no efecto invernadoiro.
    • Canto máis cerca aproveitemos os restos orgánicos máis se reducirá o consumo de combustibles para o transporte, haberá menos acumulación de desfeitos en vertedoiros e contribuiremos a unha notable reducción de sustancias tóxicas e gases nocivos; e por suposto tamén evitaremos a contaminación producida ao queimalos.
  • Razóns económicas: Aforrar cartos públicos e dos veciños.
    • Levar os residuos orgánicos a vertedoiros e a plantas ocasiona un canón de residuos moi alto, que no caso da Estrada o Concello estalle pagando a Sogama. Se destinamos gran parte dos nosos residuos ao compostaxe poderíamos reducir nun portecentaxe moi algo o que actualmente lle estamos pagando a Sogama.
    • A implantación do compostaxe comunitario aforraría aos concellos ata uns 40-45 euros por familia e ano.
    • Este abaratamento suporía que o goberno municipal podría dispoñer dunha maior liquidez para destinar a outros obxetivos, xa que neste momento o tratamento do lixo resulta un servizo totalmente deficitario.
    • O lixo diario que se xenera nos fogares contén un 40-50% de materia orgánica, que pode ser reciclada e retornada á terra en forma de humus para as plantas e cultivos. De cada 100 kilos de basura orgánica obtense 20-25 kilos de compost. Deste xeito aforraremos en fertilizantes e sustratos, xa que os teremos gratis e serán de gran calidade (sen elementos químicos).
  • Razóns Legais: Cumplir a normativa.
    • A Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008 sobre os residuos establece as seguintes orientacións: Potenciar a recollida de biorresiduos con vista á compostaxe e á dixestión dos mesmos; Potenciar o tratamento dos biorresiduos; Promover o uso dos materiais seguros a partir dos biorresiduos.
    • En España, a lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados establece un artigo específico. Artigo 24. Biorresiduos. As autoridades ambientais promoverán plans e programas de xestión de residuos para impulsar: A recollida separada de biorresiduos para compostaxe o dixestión anaeróbica; Compostaxe doméstico e comunitario; tratamento de biorresiduos recollidos separadamente; O uso do compost seguro producido a partir de biorresiduos no sector agrícola, a xardinería ou a rexeneración de áreas degradadas.
O próximo 1 de febreiro remata o prazo para participar no Plan de Compostaxe Comunitario posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, dentro do cal o organismo provincial faríase cargo da compra e instalación dos compostadores comunitarios nos Concellos que o solicitaran. Dende Móvete lamentamos que o goberno municipal non solicitase que A Estrada se integrara nesta primeira tanda de centros de compostaxe comunales, e esperamos que a través da campaña informativa que levaremos a cabo, obteremos o apoio dos veciños para participar nunha próxima convocatoria, que segundo información da propia Deputación, será neste mesmo ano.

A Estrada, 21 de xaneiro de 2015
A nova na prensa local: Faro de Vigo  La Voz de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario