xoves, 21 de xaneiro de 2016

Móvete denuncia a desidia e a opacidade do Goberno Municipal na elaboración dos orzamentos municipais

Móvete denuncia a desidia e a opacidade do Goberno Municipal na elaboración dos orzamentos municipais. Hai un mes que deberían estar aprobados, e os partidos da oposición nin sequera  tivemos acceso a eles.
É unha mágoa que non se empreguen os orzamentos públicos – que reflicten de xeito fidedigno as prioridades económicas e sociais dun goberno-, coma unha ferramenta de avance na construcción de espazos democráticos de participación na toma de decisións.
Móvete lamenta que o goberno local aínda non comprenda que a economía actual  esixe, cada vez máis, a análise e a transparencia á hora da elaboración dos orzamentos públicos. Botamos en falta que o Goberno implique á oposición na elaboración dos orzamentos, canto menos a xeito de consulta, o mesmo que debería facer co resto dos axentes sociais
Dende Móvete denunciamos que o Goberno Municipal non se cinga ao estipulado na lexislación actual e incumpra os prazos establecidos para a elaboración do documento que recolle os gastos que como máximo poderá realizar o Concello,  e os ingresos que prevé obter para o próximo 2016.
A lexislación obriga a que os orzamentos estean aprobados definitivamente antes do 31 de decembro do ano anterior, polo tanto o orzamento do ano 2016 debería estar aprobado definitivamente como moi tarde o 31 de decembro de 2015. Dende Móvete pedímoslle ao Goberno que non esperen máis en convocar a comisión de Facenda para que a oposición poidamos ter acceso ao documento orzamentario que  teñan avanzado; para que a oposición teñamos a oportunidade de facer propostas para mellorar o documento orzamentario; e para coñecer os motivos do retraso na elaboración do mesmo.

A Estrada, 21 de xaneiro de 2015
A nova na prensa local: Faro de Vigo La Voz de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario