venres, 15 de xaneiro de 2016

Móvete recibe este sábado na Estrada ás iniciativas municipalistas de toda Galicia

Móvete –movemento veciñal estradense- recibe na Estrada ás iniciativas municipalistas de toda Galicia nunha xornada de traballo adicada a planificar a folla de ruta de cara as eleccións galegas.

Este sábado 16 autoconvócanse na Estrada as diferentes iniciativas municipalistas galegas de unidade popular, para unha reunión de traballo colectivo coa finalidade de cimentar e determinar os eixos básicos e o camiño que debe transitar o proceso de acumulación de forzas, de cara  a acadar un goberno ao servizo do pobo galego na Xunta de Galicia. Para este obxectivo, as iniciativas municipalistas queremos seguir participando  activamente na construción da confluencia e do liderado cidadán.

Como ben sabedes, nas pasadas eleccións municipais de maio, ante a grave situación económica e política que padecemos, xurdiron en todo o país diferentes procesos de confluencia e unidade popular cun obxectivo: facilitar a máxima participación da cidadanía na política municipal e devolverlle as institucións á xente. É dicir, acadar máis e mellor democracia e colocar de novo as persoas no centro da acción política. Da intención pasamos á práctica e algúns destes movementos constituíronse en alternativas reais de goberno das nosas vilas e cidades, acadando as principais alcaldías da provincia da Coruña. Pero foron moitas máis as que, co seu traballo e implicación, recolleron a ilusión dunha gran parte da cidadanía nun novo xeito de facer política e acadaron tamén un importante impacto electoral.
Nas eleccións estatais de decembro, a coalición En Marea, recollendo aquel impulso inicial de maio encarnado na figura dos alcaldes rebeldes e coa colaboración da inmensa maioría das candidaturas municipalistas, obtivo un resultado histórico que fixo tremer o bipartidismo. Mais non é abondo: a suma dos partidos do réxime aínda é maior e temos que seguir a traballar para multiplicar o peso das forzas do cambio político. Neste senso, é imprescindible continuar coa implicación nos procesos municipalistas para fomentar o necesario liderado cidadán. Esta implicación colectiva é imprescindíble para espertar a ilusión e inundar o Parlamento do Hórreo de persoas que respondan ao mandato da xente. É un orgullo para Móvete, que A Estrada vaia ser durante este sábado o epicentro do cambio político en Galicia que xa está en marcha, e do que todos debemos participar. Toca mollarse, toca recuperar Galicia para a cidadanía.


A Estrada, 15 de xaneiro de 2016

Ningún comentario:

Publicar un comentario