domingo, 29 de marzo de 2015

Aprobación da primeira parte do programa: transparencia, participación cidadá e código ético

   Na xuntanza de móvete do día 27 de marzo aprobamos a primeira parte do noso programa de goberno que será o noso compromiso cos veciñxs da Estrada para os vindeiros catro anos, e que se fixo coma o resto do programa, facendo partícipes na súa elaboración aos diferentes sectores existentes no noso concello.
Este primeiro bloque inclúe os piares dunha proposta na que cremos fondamente e que está baseada na transparencia e participación cidadá, que son as dúas políticas transversais a aplicar en todos os ámbitos municipais. A finalidade é pasar dunha democracia representativa a unha democracia participativa e directa na que o concello este realmente ao servizo do pobo, o noso principal obxectivo será ir sempre na procura do interese xeral .
Algunhas das propostas a destacar dentro da nosa política de transparencia e loita contra o caciquismo e clientelismo actual son a creación, publicación e exposición de listas de contratación por sectores de actividade, a exposición pública dos orzamentos municipais ou a utilización dun tribunal externo ao concello en todas as oposicións que este convoque. Móvete promoverá e articulará desde o Concello as consultas populares que sexan necesarias en todos aqueles temas de importancia capital para o pobo da Estrada.
Dentro das propostas de participación cidadá podemos salientar a nosa intención de involucrar directamente aos sectores implicados ou consellos sectoriais na elaboración de todas a políticas públicas que afecten aos seus ámbitos de actuación, ou dotar as asambleas parroquiais da potestade de decidir sobre o uso ou finalidade da partida presupestaria ou orzamento correspondente, así como participar na súa elaboración.
Finalmente este bloque inclúe un código ético ao cal estamos sometidos todos os membros de móvete, e que subliña o noso respecto pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos, o noso compromiso coa participación democrática, coa toma de decisións de xeito asambleario, coa igualdade de xénero e na defensa da nosa língua, así como a nosa posición laica e democrática ou a limitación de salarios dos representantes políticos e a renuncia a calquera privilexio inherente a un cargo público.

Todos xs candidatos de Móvete, asinarán o compromiso de sometemento ós acordos acadados na asamblea, en caso contrario terán que dimitir da súa responsabilidade como concelleirxs.
Ligaźons á nova na prensa local: La Voz de Galicia     Faro de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario