luns, 11 de xaneiro de 2016

Nota de prensa sobre o proxecto AESS 2020

Movete logo.jpg

Móvete –movemento veciñal estradense- quere facer público o seu posicionamento crítico respecto ao proxecto AESS 2020, cuxo fin apoiamos, pero que pensamos que presenta graves fallas en canto a metodoloxia e aos criterios políticos adoptados para a elección dalgunhas medidas, ademáis da acostumada falta de participación e vontade democrática, por desgraza característica   deste  goberno local.
No propio proxecto elaborado pola empresa contratada para a elaboración do mesmo, IDOM, falase da necesidade de implicar a todos os axentes sociais e partidos políticos do concello, para facer deste proxecto algo transparente e participativo. Xa que de momento diso non se está cumprindo nada, podían comezar por facer público o custo para o erario local de facer un proxecto do cal logo ignoran as súas recomendacións.
Os grandes problemas da Estrada, a falta de traballo e a perda de poboación consecuencia en boa parte do anterior, seguirán sendo os mesmos de seguir a liña marcada polo concello neste proxecto. Botamos en falta unha aposta firme e decidida polos sectores produtivos locais, por crear no rural un tecido produtivo sostible que proporcione emprego de calidade como mellor garante dun concello próspero e sostible, xa sexa por medio de talleres de formación e orientación para a poboación, ou por outros medios.
Cremos que outra importante carencia da vila que podería encarrilarse con este proxecto, é a reparación definitiva da rede de abastecemento de auga  e concordamos coa necesidade de minimizar o impacto medioambiental, reducir as necesidades enerxéticas e incentivar o uso das enerxías renovables, a pesar de que o concello ata o de agora non predicou co exemplo e no proxecto ven expresado dun xeito moi vago e aberto.
Salientar que o punto dedicado a achegar a administración ao cidadá e a fomentar a administración telemática, traenos a memoria que un goberno do mesmo signo co actual enterrou os cartos chegados de Europa co proxecto A ESTRADA DIXITAL, sen cumprir un dos obxectivos básicos que era ese.
Para concluir, consideramos por tanto, que as liñas de actuación propostas non siguen o camiño correcto para atallar os principais problemas que ten o noso Concello.  As principais medidas que se deberían ter en conta son as que teñen unha incidencia directa na mellora da calidade de vida das persoas, como son por exemplo  as que propoñemos no apartado sobre o rural ou as destinadas a satisfacer a crecente demanda de servizos sociais orientados á terceira idade, tal e como recomenda este proxecto pero que logo non se especifica en ningún apartado. (centro de día, centro de xubilados, actividades de envellecemento activo).
Con todo, consideramos que o fundamental neste momento é solicitar esta axuda, e se realmente o goberno local quere poñer todo da súa parte para acadala e cumprir os obxectivos, recomendámoslle que conte coa oposición, cos colectivos sociais e coa cidadanía para continuar elaborando os programas concretos e as liñas de actuación que redunden no beneficio de todos os estradenses sen excepción.



A Estrada, 10 de xaneiro de 2016


                                    A nova na prensa local: Faro de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario