luns, 29 de xuño de 2015

Manifesto de Móvete polo día internacional do orgullo LGBTI

Lectura do manifesto na Alameda

O pasado 28 de xuño, día internacional do orgullo lgbti,  móvete leu no parque da Alameda estradense o seguinte manifesto a prol da igualdade, a tolerancia e a non discriminación entre as persoas.
Hoxe, 28 de xuño, non é un día máis. Hoxe celébrase o Día Internacional do Orgullo de Lesbianas, Gais, bisexuais, transexuais e intersexuais, acompañado neste ano por grandes novas: a aprobación antonte do matrimonio homosexual nos Estados Unidos, fai apenas un mes en Irlanda, e o décimo aniversario da aprobación do matrimonio igualitario no estado español.
Son tempos de avances e de conquistas sociais, sen dúbida. Sen embargo, a grave crise económica que leva padecendo Galiza, España e Europa facilita que as elites conservadoras poidan desdeñar e apartar os dereitos das persoas alegando que o importante agora é recuperar primeiro a economía.
Neste senso, debemos ter ben presente que os recortes sociais perpetrados polo goberno do PP no ámbito dos dereitos laborais e sociais nos últimos catro anos, afectan de forma significativa a lesbianas, gais, transexuais e bisexuais, ao sumarse estas situacións de precariedade ás discriminacións que aínda lamentablemente se producen no ámbito do emprego e no acceso a bens e servizos por parte deste colectivo. Situacións intolerábeis ás que o PP responde con silencio e desprezo, cando non as apoia abertamente. Este é o Partido Popular do ano 2015 despois de cristo.
A esquerda real leva longo tempo traballando para frear a intolerancia da caverna conservadora. Con todo, as situacións de intolerancia seguen tendo lugar, auspiciadas polo discurso homófobo da dereita, aquela que non fai moitos anos quixo prohibir o dereito ao divorcio para acabar facendo uso del – tanto ou máis ca esquerda – e que agora, graciosamente, tamén fai uso do matrimonio homosexual, aínda que haxa dirixentes conservadores que continúen escondendo a súa sexualidade. As situacións de discriminación son aínda máis perigosas nos pobos e vilas, xa que os pequenos núcleos poboacionais que as sofren son precisamente os máis vulnerábeis a exclusión.
Ante esta situación, Móvete ve necesario lembrarlle ao Partido Popular da Estrada que os homosexuais, lesbianas, bisexuais e transexuais non existen so na televisión e nas grandes urbes, senón que tamén residen nos pobos e nas vilas. Por iso, denunciamos o evidente desamparo que sofre este colectivo na Estrada, xa que xamais o Partido Popular estradense fixo tan sequera mención a súa existencia nin puxo en marcha campañas ou actos de sensibilización a cidadanía para frear a homofobia que si ten existido e existe nesta vila.
Cada dereito conquistado, señor López, é o resultado do sacrificio de persoas anónimas que avogan por ensanchar as fronteiras da tolerancia e facer retroceder o escarnio. É necesario facer da Estrada un pobo máis decente, que non humille aos seus membros, porque a victoria da liberdade é un triunfo para todos.
Hai que mirar para adiante, porque para atrás xa temos mirado demasiado. A maior revolución que podemos facer é cambiarnos a nós mesmos, porque o amor non entende de distincións, e cando este gaña, facémolo todos.
MOVÁMONOS POLA IGUALDADE E A TOLERANCIA!

A nova na prensa local: Faro de Vigo

Ningún comentario:

Publicar un comentario