martes, 5 de maio de 2015

Programa electoral de móvete

       PROGRAMA ELECTORAL MÓVETE

Dende móvete consideramos como piares imprescindibles para o cambio político e social que precisa o noso concello a aplicación dunha política de transparencia, que non significando por si mesma un bo goberno, si que é un elemento fundamental para o “bo goberno” e permite visualizar a xestión pública, técnica e a apertura dos datos públicos. A meta é un goberno aberto, un novo xeito de gobernar e unha nova forma de entender a relación entre o goberno e a cidadanía á que serve.
A transparencia esixe un enfoque transversal que ten implicacións organizativas. Combina aspectos xurídicos, organizativos e de xestión do cambio, e supón reformular todas as cuestións de fondo dentro do concello, cambios culturais, de procesos e de modelo de organización.
A transparencia é precisa, ademais de por todo o que xa adiantamos, porque sen ela non se pode dar unha verdadeira participación cidadá, sen transparencia a participación muda en manipulación. Se a cidadanía non dispón de toda a información precisa para opinar, a súa resposta será parcial e non terá validez.
Outro tanto pasa coa participación cidadá, queremos colaborar e dar o pulo definitivo e preciso para pasar da actual democracia representativa, na que o cidadán acude as furnas cada catro anos e entretanto está a expensas de que o político de turno cumpra as súas promesas, a unha democracia participativa e directa na que a cidadanía teña realmente o poder decisorio en todos aqueles temas do seu interese.
Con isto pretendemos acadar dous obxectivos fundamentais, por unha banda que a xestión pública estea realmente ao servizo do interese xeral e da cidadanía e por outra que esta se implique e se sinta un actor máis dentro do proceso decisorio da xestión municipal, co cal incrementarase o nivel de satisfacción da mesma.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DA TRANSPARENCIA

Algunhas das propostas a destacar dentro da nosa política de transparencia na loita contra o caciquismo e clientelismo actual son:
- Creación, publicación e exposición de listas de contratación por sectores de actividade.
- Exposición pública dos orzamentos municipais .
- Utilización dun tribunal externo ao concello en todas as oposicións que este convoque.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DA PARTICIPACIÓN CIDADÁ

            -Involucrar directamente aos sectores implicados ou consellos sectoriais na elaboración de todas a políticas públicas que afecten aos seus ámbitos de actuación.
            -Dotar as asambleas parroquiais da potestade de decidir sobre o uso ou finalidade da partida presupestaria ou orzamento correspondente, así como participar na súa elaboración.



       O eido económico é un dos máis importantes para un concello debido a que todas as demáis áreas dependen en gran medida da boa marcha deste. Dende móvete cremos que se pode acadar un desenvolvemento sustentable e xerar postos de traballo que garantan unha vida digna ás persoas do concello, aproveitando o potencial da nosa terra en termos agrogandeiros e modernizando e optimizando o proceso produtivo en todas as súas fases: producción, transformación e comercialización.
       Na área financieira propiamente dita, trataremos dentro do posible, de financiar ao concello e traballar con entidades o máis respectuosas posibles co desenrolo sostible, con especial atencíon á chamada banca ética.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DA ECONOMÍA, MEDIO RURAL E URBANISMO

           -Impulsar dende o concello a creación dunha cooperativa de producción agropecuaria que aglutine aos produtores locais e deste xeito aproveitar as sinerxias e as vantaxes da unión de forzas e medios na procura de novos mercados.
          -Apostar por dar saída aos produtos primarios e xerar a industria precisa para a transformación destes produtos en todos os seus posibles derivados, creando deste xeito unha cadea de diferentes postos de traballo.
          -Creación dunha oficina agroforestal no concello que asesore sobre os tipos de cultivo máis convintes e as tećnicas maís apropiadas para optimizar o proceso produtivo. Así mesmo crear un grupo de certificación forestal que permita aos veciños incrementar o seu beneficio na venda de madeira certificada.
          -Dignificar o traballo no rural facilitando axs traballadorxs deste ámbito o disfrute dos mesmos dereitos que ao resto dxs traballadorxs, por exemplo creando un servizo de substitución.
          -Elaborar proxectos de saneamento en todo o territorio para que, na medida do posible, se incrementen os servizos ofertados no rural.
          -Promover o uso das madeiras locais nas sinalizacións.
          -Establecer un regulamento que especifique claramente os puntos de alumeado público no rural, para entre outras cousas, eliminar o símbolo da política clientelar local.
          -Aumento da superficie industrial a disposición dos empresarios que xeneren postos de traballo de calidade.
         -Creación dun fondo para participar en proxectos agrogandeiros de promoción particular.
         -Estudio da viabilidade de traballar, na medida do posible, coa chamada Banca Ética e no seu caso con aquelas entidades que apoien proxectos sostibles é unha economía sustentable e respectuosa co entorno social e natural.
         -Auditoría da débeda do concello e estudio da mellor fórmula para reducir o pago de intereses .
         -Xestión directa dos impostos municipais.

       Para móvete é prioritario que dende o Concello se atendan as demandas que se engloban dentro da área social e que abarcan aos maiores, á infancia, ás persoas con discapacidade ou ás persoas que atravesan unha situación de dificultade económica ou de calquera outra índole. Isto quere dicir que cubrir estas necesidades se considerara algo tan básico coma o servizo de augas ou a recollida do lixo. As propostas que dende móvete levaremos a cabo na próxima lexislatura nesta área de goberno están encamiñadas a garantir a igualdade e a integración social de todxs xs veciñxs da Estrada.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O AḾBITO DAS POLÍTICAS SOCIAIS

       -Impulsar a creación dunha cooperativa que xestione os servizos sociais coma o servizo de axuda no fogar, e que atenda as diversas demandas dos usuarios: apoio á hixiene, acompañamento fora do fogar, limpeza, enfermería, estimulación sensorial cognitiva.
        -Por en marcha as medidas necesarias para a creación dun centro de día na “Casa das Colonias”.
        -Establecemento dun local social para as persoas maiores nas antigas instalacións do INEM, local social onde poderán reunirse e facer diversas actividades que vaian no camiño do envellecemento activo.
        -Establecer programas de envellecemento activo.
        -Atención á infancia máis alá do horario da gardería para conciliar a vida laboral e familiar.
       -Servizo de prevención en drogodependencias.
       -Talleres de actividades lúdico-festivas como alternativas de ocio.
       -Programa para mulleres que sufren violencia de xénero e asistencia psicolóxica tanto para elas, coma para os seus fillos e outras posibles vítimas.
      -Programa de atención para homes con problemas de control de violencia no ámbito familiar.
      -Impulsar programas de educación para a saúde dirixidos a enfermos crónicos.
      -Elimininación das barreiras arquitectónicas.
      -Habilitar unha serie de medidas encamiñadas a rematar coa precariedade laboral no noso Concello e garantir os dereitos dos traballadores.


        Para móvete a educación, a nosa mocidade, a defensa da nosa identidade cultural, da nosa língua e garantir que as xeracións futuras poidan contar cun medio ambiente que lles permita desenvolver a súa vida con toda a plenitude, son parcelas fundamentais e imprescindibles no noso ideario político de cara a acadar unha sociedade máis igualitaria e xusta.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DO ENSINO
-Convertir A Estrada nunha cidade educativa e formar parte de dita plataforma que coordina a administración e os colexios, adquirindo así o compromiso coa educación, innovación, posta en marcha de proxectos participativos e xornadas temáticas dentro do ámbito educativo.
-Aumento das becas-comedor.
-Aumento das becas para material escolar.
-Fomento de actividades de animación á lectura.
-Ampliar horario da biblioteca durante a época de exames.
-Defender a educación pública.
-Ofertar cursos de primeiros auxilios a profesorado, familiares… nos centros educativos.
-Hortas escolares.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DA MOCIDADE

-Establecemento da Casa da Xuventude nas instalacións do Palacio de Congresos e exposicións. A xente nova precisa dunhas instalacións amplas nas que poñer en práctica diversas actividades do seu interese e que abarquen diferentes ámbitos: deportivas; musicais (espazo habilitado para que poidan tocar diferentes instrumentos); organización de charlas e cursos sobre temáticas que lle afectan e poidan motivar a ampliación de coñecementos en determinados temas; sala de ordenadores con conexión a internet ; sala de xogos de mesa; local de reunións; clases de teatro. O mantemento e a organización deste espazo farase en conxunto coa mocidade.
-Establecer medidas para evitar a precariedade e a explotación laboral.
-Creación de programas de ocio nocturno saudable alternativo ao “botellón”.
-Implantación de programas de educación sexual.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DA CULTURA

-Recuperación do Cine na Rúa para as noites de verán tanto na vila como no rural.
-Definir os prezos das actividades municipais (escolas deportivas e culturais) en función da renta, chegando á gratuidade para xente sen recursos.
-Crear unha base de datos cos grupos e bandas musicais locais coa finalidade, na medida do posible, de poder contar con elas en festexos e todo tipo de eventos públicos, remunerandoas dun xeito digno. Facilitar que as bandas locais poidan ter actuacións no pobo.
-Crear unha base de datos con todas aquelas persoas, bandas e colectivos que desevolvan unha actividade cultural na Estrada, co obxectivo de promocionar o noso primeiro temos que saber o que temos.
-Fomentar e promocionar dende o concello aos pintores, escritores, músicos.…e todo tipo de manifestacións culturais que se desevolvan no mesmo, creando unha páxina web con dito fin ou integrandoa na web do concello.
-Dada a cantidade de grupos e bandas musicais que existen no concello, axudar a fomentar a creatividade creando un concurso/premio anual cun nome por determinar e cun xurado obxectivo.
-Creación dun premio literario para fomentar a escrita e a lectura entre a infancia e a xuventude.
-Creación dunha base de datos co patrimonio cultural da Estrada.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DOS DEPORTES

-Planificación e xestión das instalacións deportivas dun xeito eficiente, onde estén claramente coordinadas as instalacións e os usos para cada deporte.
-Organizar trimestralmente unhas “Xornadas de portas abertas para os deportes” que permitan dar a coñecerer e incentivar a sua posta en práctica.
-Incrementar a superficie de recreo no entorno da vila , por exemplo no “Camiño do Regueiro”.
-Facer rutas de senderismo á beira dos ríos, implicando á xente das parroquias no seu mantemento.

PROPOSTAS CONCRETAS PARA O ÁMBITO DO MEDIO AMBIENTE

-Campaña de sensibilización sobre a importancia da recollida selectiva, a eliminación de residuos, a importancia de eliminar o uso de agroquímicos perxudiciais para o ecosistema..etc.
-Fomento do uso da agricultura ecolóxica.
-Mantemento axeitado das depuradoras.
-Establecer unha franxa de seguridade nas fincas á hora de botar os puríns para evitar que vaian parar aos ríos.
-Distribución axeitada dos puntos de recollida do lixo así como da súa recollida.
-A Estrada está incluida dentro do mapa de concellos libres de transxénicos. Levar a cabo unha tarefa de vixianza para que realmente se cumpra e que sexa real este compromiso xa existente.
-Buscar, promover e utilizar as fontes de enerxía máis eficientes e respectuosas co noso entorno en calquera ámbito: transporte, iluminación...etc, por exemplo sustituindo o alumeado público por bombillas LED.
         -Educar, animar e no seu caso axudar ao cidadán e as empresas, a que tomen a senda da utilización de enerxías limpas e respectuosas co noso entorno, tentando na medida do posible tender a autosuficiencia enerxética e a aproveitar os recursos que o noso entorno ofrece nese sentido, e que por suposto, eses recursos redunden en beneficio do interese xeral dos habitantes do concello.


Ningún comentario:

Publicar un comentario