venres, 7 de outubro de 2016

O Concello solicita á Xunta que axilice os pagos e incremente as cuantías aos afectados por ataques da fauna salvaxe a iniciativa de Móvete.

No Pleno de onte, aprobouse unha moción a iniciativa de Móvete para INSTAR Á CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO a: Garantir as indemnizacións que cubran a totalidade dos danos causados xabarín e predadores nas explotacións agro-gandeiras; simplificar e axilizar o proceso administrativo para o acceso ás mesmas; e traballar da man dos sectores involucrados en estratexias de prevención de danos.
Ademáis, preguntamos polo “Polígono Sectorial do Moble” de Lagartóns.
Reclamamos un maior servizo de limpeza en todo o recinto da praza da Feira e na zona dos pulpeiros. E a colocación dun Punto de luz na zona do punto limpio.
Agradecemos a colaboración do resto das forzas políticas nesta moción, que xurde a iniciativa dunha moción de Móvete.
A necesidade desta moción xurde debido a que cada vez son máis habituais os casos de danos que especies como o xabarín ou o lobo están a causar nas explotacións agro-gandeiras do noso Concello. Os perxuizos sufridos polxs propietarixs das explotacións non sempre son indemnizados na súa totalidade por parte da administración competente (e cando o son, normalmente é con moita demora), afectando directamente ao sector agro-gandeiro, que xa de por sí atópase nun momento crítico.
En definitiva, actualmente as cuantías establecidas para facer frente ás indemnizacións son insuficientes ante o incremento dos danos causados por estas especies.
Por isto, consideramos importante INSTAR Á CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO para: Garantir as indemnizacións que cubran a totalidade dos danos causados; simplificar e axilizar o proceso administrativo para o acceso ás mesmas; e traballar da man dos sectores involucrados en estratexias de prevención de danos. 
Rogos e Preguntas
1.    Levamos pedindo en diferentes ocasións a convocatoria dunha comisión informativa para coñecer cal é a situación actual do “Polígono Sectorial do Moble” e o que se pretende finalmente facer, se é que se pretende facer algo concreto.
Hai 2 semanas, enterámonos pola prensa que se contratou un estudo para facer unha “adaptación do proxecto da Cidade do Moble”. Gustaríanos coñecer:
·         O custe que ten este estudo para a adaptación do proxecto.
·         Que é o que se pretende con esta adaptación.
·      Coñecer se realmente existe unha demanda de novas empresas para ubicarse neste suposto polígono.
·         Cantos cartos se levan gastado dende que se empezou a falar deste proxecto da “Cidade do Moble”.
·         E, canto se prevé que costaría este polígono nunha primeira fase?
Porque, está ben falar de proxectos pero hai que ver se son viables. E neste sentido, creo que é preciso recordar que no 2006 prevíase que só a primeira fase do polígono costaría 33 millóns e medio de euros. O cal xa a todas luces demostraba a súa inviavilidade, ao marxe do, por suposto, impacto medioambiental que supoñía.

2.    Maior servizo de limpeza en todo o recinto da praza da Feira e na zona dos pulpeiros.
Enganche de luz do tendido eléctrico na zona dos pulpeiros.

3.    Punto de luz na zona do punto limpio, onde está a compactadora do lixo. 

mércores, 5 de outubro de 2016

O Tribunal de Contas fiscalizará facturas do 2015, pagadas con reparo en contra do Departamento de Intervención, por un total de 3.680.312,08€

Móvete –movemento veciñal estradense- destaca unha serie de cuestións que reflexa o propio informe de intervención e a Memoria da Conta Xeral:

·         Móvete acusa ao goberno de executar pagos ao marxe da legalidade e informa que as facturas pagadas, con informe en contra do departamento de intervención, alcanzan a cuantía de 3.680.312,08 € (cuantía elaborada tendo en conta só as facturas que forman parte das relacións que superan os 50.000€, que son as que pasarán á fiscalización do T.C.). Móvete advirte da necesesidade de cumplir a lei de contratos do sector público e acusa ao goberno de saltarse constantemente a normativa.  
·         Falta de información económica da Fundación Cultural, máis alá da xustificación da subvención nominativa municipal de 140.000€ que vén recibindo cada ano. O propio informe de intervención advirte do anómalo desta situación e Móvete reclama unha maior fiscalización a fin de garantir o cumplimento estrito da legalidade.
·         Móvete apunta á falta de planificación, por parte do Concelleiro responsable desta área, como causante do retraso na aprobación da Conta Xeral, que debera estar xa aprobada segundo o procedemento da súa formación e rendición.
·         Neste concello non se levan a cabo ás dotacións para amortización do inmobilizado, debido á falta dun inventario posto ao día. Móvete advírte da necesidade de proceder á actualización do inventario de bens a fin de posibilitar o eficaz control do inmovilizado.
·         Por capítulos de gastos, segundo a comparación das obrigas recoñecidas netas sobre os créditos definitivos dos exercicios 2014 e 2015 destacamos un Incremento do Gasto:
- No capítulo 1: Gastos de Persoal. Incremento o gasto nun 4,20%.
- No capítulo 2: Gastos en bens correntes e servizos. Incremento do 5,50%.
- No capítulo 3: Intereses: Incremento do 26,32%.
- No capítulo 6: Investimentos reais: cuia partida era de 4.916.636,59€,  tan só se executaron 2.466.720,41€, o 50,17%. 
·         Móvete destaca que a Conta Xeral reflexa que o Goberno Muncipial gastou durante o pasado ano un total de 1.420.451,22€ na Partida de “Estudos e Traballos Técnicos”. Cantidade excesiva para un orzamento coma o do noso Concello.


venres, 30 de setembro de 2016

MOCIÓN PARA INSTAR Á CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO A GARANTIR AS INDEMNIZACIÓNS QUE CUBRAN A TOTALIDADE DOS DANOS CAUSADOS POLOS XABARÍNS E PREDADORES EN EXPLOTACIÓNS AGRÍCOLAS E IMPLEMENTAR MEDIDAS PARA UN MAIOR CONTROL DESTAS ESPECIES.
De acordo co previsto no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, o Grupo Municipal de Móvete do Concello da Estrada desexa someter á consideración do Pleno a seguinte moción:
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Cada vez son máis habituais os casos de danos que especies como o xabarín ou o lobo están a causar nas explotacións agrícolas do noso Concello. Os reiterados ataques do lobo son a causa de baixas no gando de moitas explotacións gandeiras, e os destrozos de especies de fauna salvaxe nos cultivos agrícolas son cada vez máis frecuentes.
Os perxuizos sufridos polos propietarios das explotacións non sempre son indemnizados na súa totalidade por parte da administración competente (e cando o son, normalmente con moita demora), afectando directamente ao sector agro-gandeiro, que xa de por sí atópase nun momento crítico.
As cuantías establecidas para facer frente ás indemnizacións por parte da Consellería son insuficientes ante o incremento dos danos causados por estas especies, e a súa convocatoria non sempre permite entregar a solicitude en prazo.
Por todo isto, o Grupo Municipal de Móvete do Concello da Estrada, presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal os seguintes ACORDOS:
INSTAR Á CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E ORDENACIÓN DO TERRITORIO A:
·         Garantir indemnizacións que cubran a totalidade dos danos causados polos xabaríns e predadores en explotacións agrícolas, así como implementar un maior control destas especies.
·         Profundización e estabilización das estratexias de prevención de danos causados por predadores e xabaríns nas ganderías.
·         Impulso do diálogo entre os actores involucrados.
·         Convocatoria e facilitación das mesas de diálogo intersectoral, como a Mesa do Lobo.
·         Mellora no deseño, axilización e simplificación das indemnizacións.
·         Estudo e impulso da innovación nas estratexias de prevención.

A Estrada, 19 de setembro de 2016



Asdo: A Portavoz do Grupo Municipal de Móvete.

SR. ALCALDE – PRESIDENTE DA CORPORACIÓN MUNICIPAL

xoves, 18 de febreiro de 2016

Móvete presenta no Concello da Estrada unha Moción na defensa da nosa lingua

Móvete  presenta no Concello da Estrada unha Moción na defensa da nosa lingua, o Galego. A moción pide que se cumpran as recomendacións do Consello de Europa, e  solicita a redacción dun novo decreto para o uso do galego, que conte co apoio social e político máis amplo posible. Móvete busca no Concello da Estraba a unidade de tódalas forzas políticas estradenses.
Móvete presenta na Estrada a moción que este luns daba a coñecer a Mesa pola Normalización Lingüística, e que a nivel galego conta co apoio de case todas as formacións políticas  con representación municipal e parlamentar –todas agás o PP-.
Este luns a Mesa pola Normalización Lingüística dou a coñecer a Moción coa intención de que as diferentes organizacións políticas a presentaran nos diferentes Concellos de Galicia.  Naqueles sitios onde sexan respaldadas, as mesmas serán logo enviadas ao Consello de Europa. Na Estrada Móvete vén de rexistrala no día de hoxe.
Esta moción é unha resposta ao conformismo e inacción do Goberno galego ante as recomendacións e as conclusións do último informe do Consello de Europa. Nel, a institución advirte que o decreto do plurilingüismo reduce a presenza da lingua propia e entra en contradición coa Carta Europea das Linguas, ademáis de pedir encarecidamente fomentar o idioma na escola e modificacións legais que permitan o seu uso na xustiza e na administración. A moción reclama que a Xunta faga efectivas as recomendacións do Comité de Expertos e do Comité de Ministros do Consello de Europa, que insta a cumprir acordos internacionais como a Carta Europea das Linguas asinada polo Estado e que o faga "elaborando un novo decreto para o uso do galego, que conte con amplo apoio social e político. Namentres demanda que derogue aqueles artigos do decreto 79/2010 que limitan o uso do galego".
Esta moción, iniciativa da Mesa, e presentada por Móvete no Concello da Estraba, busca tamén a unidade de tódalas forzas políticas estradenses para visibilizar que estamos unidas procurando que o noso goberno cumpra cos compromisos colectivos e internacionais sobre a lingua” e que “garanta plenamente a posibilidade que debe ter calquera falante de desenvolver a totalidade da súa vida na propia lingua”.


A Estrada, 18 de febreiro de 2015

A nova na prensa local: Faro de Vigo 

xoves, 4 de febreiro de 2016

Móvete propón modificacións aos orzamentos do goberno local para o ano 2016

Móvete propón modificacións aos orzamentos do Partido Popular  na Comisión de Facenda, para que sexan a aposta decidida por un concello máis verde, transparente, social e ao tempo xeradores de emprego de calidade, que A Estrada precisa.

  • Incrementar a partida reservada a servizos sociais ata asegurar que todxs xs veciñxs teñen acceso aos recursos básicos —vivenda, subministros de auga e electricidade—, e ao mínimo preciso para a subsistencia en condicións dignas.
  • Creación dun Plan Municipal de Emprego de calidade, onde se concreten accións encamiñadas á posta en valor dos nosos sectores produtivos como xeradores de emprego, e investimentos en proxectos sostibles e respectuosos co entorno.
  • Portal da transparencia e a participación cidadá.
  • Reducir o gasto do Concello en consultoras e traballos realizados por outras empresas.
 A portavoz do Grupo Municipal de Móvete, Mar Blanco Casais, cualifica estes orzamentos de continuistas respecto aos do ano anterior , e polo tanto, seguen sen ofrecer solucións aos grandes problemas que teñen xs veciñxs e o noso Concello.

Estes orzamentos continuan sen garantir a cobertura das necesidades básicas das persoas en situación de exclusión ou pobreza:

-Actualmente hai 240 familias que teñen que recurrir a Cáritas en busca de alimentos e axuda para facer fronte ao pago de recibos, principalmente de luz e aluguer. As partidas reservadas nesta proposta orzamentaria, son claramente insuficientes para atender a demanda actual

- O concello destina 20.000 € para o banco de alimentos; 20.000 € ao fondo de emerxencias e 30.000 € para a reforma das casa-escolas para vivenda social.

Estas cuantías amosan que a prioridade deste Goberno, non é eliminar ou  diminuír o risco de que as persoas en situación de desemprego vivan na pobreza e sexan vítimas da exclusión social.

Non é ético que a partida reservada para “Prensa, revistas, libros e outras publicacións” (19.884,00 €)  iguale na práctica  á reservada para o Banco de Alimentos Municipal, e se vexa amplamente superada polos 51.493€ reservados para a partida de “Publicidade e propaganda”.

Neste ámbito a proposta de Móvete pasa por incrementar a partida reservada aos servizos sociais, ata asegurar que tódalxs veciñxs teñan acceso aos recursos básicos —vivenda, subministros de auga e electricidade— e a un mínimo de subsistencia en condicións dignas.
 Consideramos que hai orzamento suficiente para atender esta demanda, por exemplo equilibrando a partida orzamentaria destinada para “Estudos e traballos técnicos” 1.591.303,00€  -obviamente excesiva e moi reveladora das prioridades do Goberno Municipal se a comparamos  co montante adicado a gasto social para familias con escasos recursos-.
Para Móvete, o piar fundamental que debera conter este documento na súa parte de gastos (a maiores de recoller todos os gastos correntes da administración local) é precisamente o gasto social.
Móvete bota en falta o que consideramos o outro piar fundamental, que é a creación dun Plan Municipal de Emprego de calidade, onde se concreten accións encamiñadas á posta en valor dos nosos sectores produtivos, como xeradores de emprego e investimentos en proxectos sostibles e respetuosos co noso entorno.
Consideramos que a partida que o Concello reserva para o que define como, “Subvencións fomento do emprego e promoción económica”, orzamentada con 22.000 € non é suficiente para fomentar a creación de emprego. E, sen embargo, hai outras partidas orzamentarias cualificadas como “Gastos Diversos”, orzamentadas con 450.000 €, os cales se poderían distribuir eficientemente para levar a cabo esta proposta de “Plan Municipal de Emprego” que propoñemos dende Móvete.

Outra proposta básica presentada pola portavoz do Grupo de Móvete, é a concreción dos medios precisos para crear un portal da transparencia e da participación cidadá.

Móvete tamén considera necesario reducir os gastos do Concello pagados por traballos realizados por outras empresas. Neste caso temos, por exemplo, os 450.000€ que recibe Sogama polo tratamento de residuos, cando deberíamos camiñar cara a reciclaxe de residuos orgánicos (tanto polo aforro económico, coma polo impacto medioambiental positivo).

Outro exemplo de reducir os gastos municipais á vez que se promove utilizar a fontes de enerxía máis eficientes e respectuosas co noso entorno, é sustituindo o alumeado público por bombillas LED.



A Estrada, 03 de febreiro de 2016

xoves, 28 de xaneiro de 2016

Móvete pide explicacións sobre a adxudicación de obras no concello

Móvete solicita a convocatoria da Comisión Informativa de Urbanismo dun xeito inmediato, coa finalidade de acadar unha maior transparencia na adxudicación e certificación de obras, e para coñecer os detalles das Certificacións de obras aprobadas na xunta de Goberno local, celebrada o pasado 30 de decembro con carácter extraordinario e urxente.

Pedimos explicacións ao Goberno Municipal sobre a relación de certificacións de obras aprobadas na xunta de goberno local do pasado 30 de decembro, en particular sobre a certificación da obra “Construcción de vestiarios no Campo de Fútbol de Callobre”, e sobre a adxudicación da obra “Obras no SX-D-1 (Estadio Municipal) A Baiuca”, que tivo lugar na xunta de Goberno Local celebrada o pasado 11 de xaneiro.
Vista a acta da xunta do Goberno local e consultado o expediente da obra “Construcción de vestiarios non campo de fútbol de Callobre”, a portavoz do Grupo Municipal de Móvete, Mar Blanco Casais, esixe coñecer os argumentos do grupo de goberno para aprobar un proxecto técnico elaborado polo propio Concello, no que se orzamenta esta obra en máis de 170.000€.
Dende Móvete consideramos que non queda o suficientemente claro a xustificación de tal inversión na obra feita por Bamarti. Se ben é unha obra importante e necesaria para o normal desenvolvemento das actividades deportivas do fútbol club Callobre, sen embargo semella contar cun orzamento excesivo para unha obra de ese tipo, e  por tanto, en aras dunha maior transparencia, solicitamos a convocatoria da comisión informativa de urbanismo.
Móvete esixirá tamén na mesma comisión, unha explicación sobre a viabilidade da obra “Obras no SX-D-1 (Estadio Municipal) A Baiuca. Na xunta de goberno local celebrada o pasado 11 de xaneiro, o goberno adxudicou o contrato da obra por importe de 404.297.30€ a Construcciones y Proyectos Abilleira S.L. Segundo o expediente, esta empresa cumpre coas melloras previstas nos Pregos, executando dita obra en 29 días. Consideramos que é importante coñecer como se van realizar as obras para que nese período de tempo se poida levar a cabo con éxito a urbanización de dita zona.


A Estrada, 27 de xaneiro de 2015

A nova  na prensa local: Faro de Vigo

domingo, 24 de xaneiro de 2016

Móvete emprende unha campaña a favor da compostaxe

Móvete –movemento veciñal estradense- lamenta as declaracións do alcalde da Estrada nas que manifesta a súa oposición á “reciclaxe de residuos orgánicos” e nas que amosa unha fonda ignorancia do tema ao calificala de “voltar á época das corredoiras”.
Móvete queremos anunciar que emprenderemos no noso concello unha campaña de información á cidadanía para explicar os beneficios de reciclar e deste xeito adquirir o compromiso de participación dos veciños.
As declaracións feitas por José López demostran unha total ignorancia sobre a reciclaxe de residuos orgánicos, tanto dende o punto de vista do impacto medioambiental e económico, como dende o punto de vista legal. A compostaxe é un proceso de transformación da materia orgánica para obter compost, un abono natural. Esta transformación lévase a cabo en calquera casa ou zona comunitaria mediante un compostador, sen ningún tipo de mecanismo, motor ni gasto de mantemento.
As principais razóns polas que dende Móvete defendemos a importancia de apostar pola reciclaxe de residuos orgánicos, e que o alcalde da Estrada descoñece, son as seguintes:
  • Razóns ambientais: contribuiremos a reducir a contaminación.
    • Aforro de recursos ao transformar a materia orgánica en compost.
    • Mellora da calidade do solo grazas a este compost seguro e de calidade.
    • A reducción dos biorresiduos en depósitos controlados e plantas.
    • Disminución da emisión de gases implicados no efecto invernadoiro.
    • Canto máis cerca aproveitemos os restos orgánicos máis se reducirá o consumo de combustibles para o transporte, haberá menos acumulación de desfeitos en vertedoiros e contribuiremos a unha notable reducción de sustancias tóxicas e gases nocivos; e por suposto tamén evitaremos a contaminación producida ao queimalos.
  • Razóns económicas: Aforrar cartos públicos e dos veciños.
    • Levar os residuos orgánicos a vertedoiros e a plantas ocasiona un canón de residuos moi alto, que no caso da Estrada o Concello estalle pagando a Sogama. Se destinamos gran parte dos nosos residuos ao compostaxe poderíamos reducir nun portecentaxe moi algo o que actualmente lle estamos pagando a Sogama.
    • A implantación do compostaxe comunitario aforraría aos concellos ata uns 40-45 euros por familia e ano.
    • Este abaratamento suporía que o goberno municipal podría dispoñer dunha maior liquidez para destinar a outros obxetivos, xa que neste momento o tratamento do lixo resulta un servizo totalmente deficitario.
    • O lixo diario que se xenera nos fogares contén un 40-50% de materia orgánica, que pode ser reciclada e retornada á terra en forma de humus para as plantas e cultivos. De cada 100 kilos de basura orgánica obtense 20-25 kilos de compost. Deste xeito aforraremos en fertilizantes e sustratos, xa que os teremos gratis e serán de gran calidade (sen elementos químicos).
  • Razóns Legais: Cumplir a normativa.
    • A Directiva 2008/98/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 19 de novembro de 2008 sobre os residuos establece as seguintes orientacións: Potenciar a recollida de biorresiduos con vista á compostaxe e á dixestión dos mesmos; Potenciar o tratamento dos biorresiduos; Promover o uso dos materiais seguros a partir dos biorresiduos.
    • En España, a lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados establece un artigo específico. Artigo 24. Biorresiduos. As autoridades ambientais promoverán plans e programas de xestión de residuos para impulsar: A recollida separada de biorresiduos para compostaxe o dixestión anaeróbica; Compostaxe doméstico e comunitario; tratamento de biorresiduos recollidos separadamente; O uso do compost seguro producido a partir de biorresiduos no sector agrícola, a xardinería ou a rexeneración de áreas degradadas.
O próximo 1 de febreiro remata o prazo para participar no Plan de Compostaxe Comunitario posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, dentro do cal o organismo provincial faríase cargo da compra e instalación dos compostadores comunitarios nos Concellos que o solicitaran. Dende Móvete lamentamos que o goberno municipal non solicitase que A Estrada se integrara nesta primeira tanda de centros de compostaxe comunales, e esperamos que a través da campaña informativa que levaremos a cabo, obteremos o apoio dos veciños para participar nunha próxima convocatoria, que segundo información da propia Deputación, será neste mesmo ano.

A Estrada, 21 de xaneiro de 2015
A nova na prensa local: Faro de Vigo  La Voz de Galicia