Toda a cidadanía deberíase de opoñer á privatización do Rexistro Civil, que non ten sentido ningún agás enriquecer a uns poucos a costa da inmensa maioría. No caso de que se levase a cabo dita privatizáción as institucións municipais deberán velar para que ningún cidadán quede sen acceso gratuíto ao Rexistro Civil, é por iso que Móvete recolle no seu programa electoral a posibilidade de usar a Estrada Dixital para habilitar un servizo de xestión online dos distintos trámites rexistrais.
Como é ben sabido o goberno do PP decidiu privatizar os Rexistros Civís para que sexan os Rexistradores Mercantís os que os xestionen, ante a oposición que están atopando dende moi diversos sectores a medida vaise retrasar, pero o perigo segue aí. Aínda que poida levar a confusión polo parecido do nome, o rexistro civil e o rexistro mercantil non teñan nada que ver, o rexistro civil é un organismo totalmente público cuxos únicos traballadores son funcionarios da Administración de Xustiza e que se encarga de maneira totalmente gratuíta de cousas tan fundamentais para a vida diaria dunha persoa, como é inscribir un nacemento, un matrimonio, un divorcio, unha defunción, ou unha fe de vida para unha pensión, tamén realizan trámites relativos á obtención da nacionalidade.
Pola súa banda os Rexistros Mercantís son levados por un rexistrador mercantil que é un empresario como outro calquera só que ao pasar unha oposición pública asígnaselle unha zona onde exercer a súa función, do mesmo xeito os seus honorarios están suxeitos a uns aranceis, e os traballadores que contratan son empregados laborais como os de calquera outra empresa. En principio xa hai unha clara desvantaxe para o cidadán estradense, como é que posiblemente o que vai xestionar o Rexistro Civil da Estrada sexa un rexistrador mercantil de Vigo ou Pontevedra, polo que un servizo moi próximo ao cidadán pasa a estar a moitos quilómetros de distancia. Por outra banda os servizos do rexistro civil son totalmente gratuítos. Dende o goberno dise que se vai manter a gratuidade, mais isto só é un subterfuxio porque evidentemente os rexistradores mercantís non van facer un traballo sen cobrar nada. Así existe unha sospeita moi fundada de que os rexistradores mercantís van a percibir ingresos de tres maneiras: incrementando o goberno os aranceis do que cobran polos servizos propios do rexistro mercantil, asignándolle unha partida dos Orzamentos Xerais do Estado para compensar o traballo que lles produza a labor rexistral civil, e finalmente suponse que tentarán poñer algún tipo de taxa polo que agora era gratuíto. Polo tanto ao final directa ou indirectamente vai a existir un lucro económico para uns poucos e un custo a pagar pola inmensa maioría da poboación.
Por outra banda, a parte do custo, está o feito de que xa se está insistindo por parte da Administración que as tramitacións se van a poder facer a través de internet para así tentar solapar as críticas á perda de proximidade do servizo. De feito hoxe en día na web do Ministerio de Xustiza xa en teoría se pode facer no seguinte enderezo: https://sede.mjusticia.gob.es/cs/Satellite/Sede/es/tramites , sen embargo na práctica é un trámite bastante complexo xa que piden ao usuario en ocasións usar a firma electrónica e noutras datos tales como tomo, ou libro do Rexistro Civil que case ninguén coñece, polo que ao final para calquera cousa hai que dirixirse ao propio Rexistro Civil ou ben enviar un email ao mesmo explicando o que se quere pedir ou facer. Ademais está o feito de que moita poboación na Estrada non está afeita ao uso deste tipo de tecnoloxías polo que vai existir un segmento amplo de poboación que vai ter que recorrer a todo tipo de profesionais como xestorías, avogados, etc para que levar a cabo uns trámites sinxelos e gratuítos, que por suposto van ter que ser cobrados por estes profesionais.
Finalmente na Estrada aínda existe un feito que agrava todo o anteriormente descrito, como é que recentemente a Administración contratou unha empresa privada, e polo tanto pagada por todos, para que procedera á dixitalización de moitos dos datos do Rexistro Civil, o que facilitou moito o traballo dos funcionarios. Pois ben dese traballo de dixitalización pagado por todos os cidadáns vaise aproveitar finalmente unha empresa privada como é un Rexistrador Mercantil.
Deste xeito toda a cidadanía se debería opoñer a esta privatización que non ten sentido ningún agás o enriquecer a uns poucos a costa da inmensa maioría. Pero para o caso de que se levase a cabo dende as institucións municipais deberíase velar para que ningún cidadán quede sen acceso gratuíto ao Rexistro Civil. Neste sentido, móvete, recolle no seu programa electoral a posibilidade de usar a Estrada Dixital para habilitar un servizo de xestión online dos distintos trámites rexistrais polo que os mesmos poderían ser realizados por persoas que non teñan un bo manexo das novas tecnoloxías co auxilio dun profesional da dita entidade. De feito xa hai un antecedente a este tipo de servizo, posto que A Estrada Dixital facilita a tramitación do certificado dixital de todos os estradenses persoas físicas que o soliciten nas súas oficinas.
A nova na prensa local: Faro de Vigo
Ningún comentario:
Publicar un comentario