xoves, 12 de marzo de 2015

Mar Blanco Casais elexida cabeza de lista de Móvete por consenso

A Asamblea de Móvete (Movemento Veciñal Estradense) celebrada na noite de onte (mércores, 11 de marzo de 2015) elixiu por consenso a Mar Blanco Casais para encabezar a súa candidatura.
Mar Blanco Casais naceu na vila da Estrada no ano 1975 e residiu sempre na mesma. A inquedanza pola inxustiza social fixo que dende moi nova estivera interesada en colaborar e participar das reivindicacións a prol da soberanía popular e da construcción dunha sociedade máis igualitaria, máis libre, máis xusta e máis solidaria. Esta inquedanza levouna a incorporarse como militante no Bloque Nacionalista Galego.  No ano 2012 os problemas internos do partido levaron a que un grupo de militantes, con Xosé Manuel Beiras á cabeza, decidisen que unha nova forma de facer política era necesaria para Galicia, polo que crearon o partido Anova-IN. Mar Blanco participou dende o primeiro momento neste novo proxecto político e tanto na Asamblea Constituinte de xullo de 2012, coma nas seguintes dúas Asambleas Nacionais –ano 2012 e 2013-, foi escollida para formar parte dos órganos de dirección, da Coordinadora Nacional e da Comisión Permanente, desempeñando o cargo de responsable nacional de língua. Foi despois das eleccións europeas cando a Asamblea de Anova A Estrada decidiu como prioritario centrarse na organización da formación a nivel local e nomeou a Mar como portavoz local da formación.
Desde o pasado verán a portavoz de Anova A Estrada leva traballando da mán da súa Asamblea para abrir a formación á cidadanía de cara a chegar ao escenario electoral das Municipais cun movemento amplo e plural onde os protagonistas sexan xs veciñxs da Estrada máis alá de siglas políticas. Foi neste contexto onde xurdeu Móvete, presentado en sociedade o pasado 28 de febreiro, para camiñar cara un Concello máis democrático, transparente, plural e con máis oportunidades.
Académicamente, as gañas de profundizar no coñecemento da teoría e práctica política, dos sistemas e comportamentos políticos levárona a estudar a licenciatura de Ciencias Políticas e da Administración Pública (USC). Posteriormente, o feito de ver a necesidade de poñer en contacto directo a cidadanía co poder político para satisfacer os intereses públicos, fixo que elixira a Administración Pública como área de investigación, cursando a maiores o máster de Xestión Pública (USC), que a levou a traballar na OEI (Organización de Estados Iberoamericanos) e no Departamento de Ciencia Polítia da Facultade de CCs. Políticas e Sociais (USC).   

Ningún comentario:

Publicar un comentario