Esta
proposición de Lei, presentada polo Grupo Confederal Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea, pretende derrogar a Lei Montoro (Lei 27/2013, de Racionalización e
Sustentabilidade da Administración Local), recuperar a
autonomía municipal e rematar coas privatizacións forzosas. Entendemos que
é unha norma que frea a autonomía dos concellos, que impide contratar persoal
para prestar servizos, pero permite gastar millóns de euros en privatizacións
innecesarias.
A proposta vai máis alá da derrogación
da Lei Montoro, e senta as bases para
abrir un proceso participativo onde os concellos e a sociedade traballen xuntos
por unha nova municipalidade: con novas competencias, cun novo
financiamento e con garantías para salvagardar os dereitos da cidadanía.
Móvete, xunto a iniciativas municipalistas de todo
o Estado, presta o seu apoio a esta iniciativa para construír unha
administración local máis próxima á xente. Trátase de poñer de manifesto as barreiras que ten a
administración para prestarlle servizos á cidadanía. Non se poden contratar
persoas para servizos sociais, pero si externalizar a xestión por miles de
euros.
O texto que será presentado no pleno da Estrada indica que “as administracións locais foron as grandes
prexudicadas polas políticas de austeridade levadas a cabo nos últimos anos”.
E lembra que máis de 3.000 concellos de todo o estado, que representan a 16
millóns de persoas, expresaron xa o seu rexeitamento a esta normativa que,
entre outros problemas, provocou recortes
nos servizos sociais que os municipios lle prestaban á súa veciñanza.
Nesta moción tamén se insta ao Goberno da Xunta de Galicia a
desenvolver unha Lei de Facendas Locais
que permita garantir a autonomía financeira dos concellos. Na mesma liña,
solicítase que se mellore a
participación das institucións municipais nos ingresos autonómicos e a
redefinición dos mecanismos de equilibrio territorial.
Para o
grupo municipal de Móvete é necesario priorizar o criterio de Administración
máis próxima á cidadanía, como garantía de universalidade, mellor cobertura
territorial, calidade e control democrático na prestación dos servizos
públicos, avanzar na formulación dun novo sistema de financiamento local que
inclúa a redistribución dos fondos actualmente asignados ás Deputacións
Provinciais, así como unha Lei de Facendas Locais de Galicia, que amplíe a
participación dos Concellos nos Ingresos da Comunidade Autónoma e que redefina
os actuáis mecanismos de reequilibrio territorial.
En definitiva, con esta Proposición preténdense implementar medidas urxentes
que permitan aos Concellos, ata que haxa unha nova Lei de Bases de Réxime
Local, prestar os servizos esenciais
necesarios para o funcionamento dos nosos concellos. Enténdese que o ámbito
local constitúe un espazo fundamental para a defensa e a loita polos dereitos
sociais como o dereito á sanidade, á educación o á vivenda e que, polo tanto, é necesario sentar as bases do novo
municipalismo do século XXI, que teña como bases a elaboración dunha nova
Lei de Bases de Réxime Local, para clarificar e aumentar as competencias dos
entes locais; garantir un novo sistema
de financiamento local que asegure dereitos e a prestación de servizos
esenciais; e garantir a transparencia e a participación directa e vinculante da
cidadanía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario